Thursday 02 de May de 2024

A Pobra e diversas asociacións únense nun acto pola memoria histórica en homenaxe a José Fernández Vázquez


O Concello da Pobra do Caramiñal colabora co Faiado da Memoria e coa Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía, xunto coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza e a Fundación 10 de Marzo, nunha acción en materia de memoria histórica que se concentrará no 9 de setembro.

A concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo, apunta o simbolismo desta proposta que unirá as dúas bandas da ría arousá nunha xornada de recuperación de acontecementos e posta en valor das xentes e dos lugares da memoria. Neste senso, a edil fai fincapé no compromiso da Administración local coas asociacións que traballan neste eido.

Un catamarán partirá dende o porto de Vilagarcía de Arousa, ás 10.30 horas, para percorre-la ría da Arousa e pór en valor a súa importancia por ser escenario de numerosos episodios históricos que marcaron o porvir das súas poboacións costeiras. A travesía fará unha parada en Sálvora para asistir a unha visita guiada á aldea e faro, que contan tamén cun relevante pasado dende o punto de vista histórico e social. Arredor das 14.30 horas, partirase da illa con rumbo á Pobra do Caramiñal. O prezo desta travesía establécese nos 20 euros por persoa adulta, nos 8 euros para a rapazada de 4 a 12 anos e será de balde para as crianzas menores.

Xa na Pobra do Caramiñal, o teatro cine Elma acollerá, ás 17.00 horas, unha charla-homenaxe arredor da figura de José Fernández Vázquez, veciño pobrense, que se trasladou posteriormente a Vilagarcía, coñecido como o comandante Sotomayor, moi activo na vida política, principalmente entre a década dos 30 e dos 60, quen garda relación coa localidade pobrense por mobiliza-lo sector conserveiro apoiando as traballadoras na mellora das condicións laborais, tal e como explica Margarita Teijeiro, integrante do Faiado da Memoria, quen engade que participou activamente na defensa da República, tanto durante a Guerra Civil coma despois no exilio dende a América Latina.

Ela participará neste acto que tamén contará coa presenza de Carlos Cimadevila, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza; Xosé Castro Ratón, membro da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía; Víctor Santidrián, historiador; Rosa Fernández, filla do homenaxeado; e representación institucional.

Unha vez concluído, as persoas procedentes de Vilagarcía regresarán no catamarán ao porto de saída.

A asistencia a ámbalas actividades pódese facer por separado, polo cal non é obrigatorio face-la travesía náutica. A asistencia ao acto no Elma é de balde. Máis información e inscricións no teléfono de contacto 986186893, cuxa data límite se estipula no 5 de setembro.